Portos de Galicia proxecta a mellora do abrigo e ampliación de atraques no peirao de Portosín

PORTO DO SON> Co fin de dar resposta a unha vella demanda da flota local, a consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten moi avanzado un novo investimentos no peirao de Portosín.

Neste caso trataríase da mellora do abrigo e a ampliación de atraques no porto, cuxo proxecto, orzamentado en dous millóns de euros, atópase á espera de informes do Goberno Central, imprescindibles para poder continuar avanzando coa súa tramitación.

Non será o único investimento previsto neste Concello en materia de infraestruturas portuarias.

Portos traballa tamén no proxecto de construción dunha nova nave de redeiras e a dotación de máis departamentos en Porto do Son. Ambas actuacións supoñen un investimento previsto de arredor de 1,7 millóns de euros.

Nos últimos anos o municipio sonense recibiu tamén unha gran cantidade de fondos con cargo ós orzamentos da Xunta para acometer diversas obras de mellora tanto na lonxa de Portosín como na de Porto do Son, que supuxeron un investimento total duns 430 mil euros.

A actuación permitiu a renovación da cuberta das dúas rulas e o acondicionamento interior de varias estancias, entre as que se atopaban tamén a zona de oficinas.

Toda unha serie de arranxos que tiñan coma principal finalidade mellorar as condicións de traballo do sector profesional que opera a diario nas dúas lonxas.