O BNG de Boiro aposta por unha residencia pública no centro urbano

BOIRO> O BNG de Boiro levou a cabo un reparto de material informativo sobre a futura residencia. Lonxe de opoñerse a este proxecto, os nacionalistas defenden a necesidade deste equipamento sempre que sexa público e non estea emprazado na finca de Goiáns. A proposta de implantar un centro para a terceira idade en Goiáns, financiado con cargo á iniciativa privada non convence ó BNG que defende que tanto a construción como a xestión do servizo deberían ser públicas. Tampouco comulgan co emprazamento proposto posto que obrigaría a modificar a edificabilidade da finca poñendo en risco a conservación deste emblemático ben patrimonial. Os nacionalistas propoñen a creación dunha comisión con representación de tódolos grupos municipais para decidir o mellor emprazamento da futura residencia.