Portos inviste trinta mil euros na mellora dos pantaláns do peirao de Muros

MUROS> A actuación conleva a reparación das estruturas flotantes e tamén da pasarela de acceso. A consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir ó redor duns 30 mil euros en diversas obras de mellora do pavimento dos pantaláns do sector profesional do peirao muradán. A actuación supón a reparación integral destas estruturas flotantes e inclúe tamén a pasarela de acceso ás mesmas.  Segundo explicou o propio presidente de Portos as obras permitirán a substitución da madeira en mal estado por outra nova, de material sintético, que aporta maior resistencia e perdurabilidade en condicións adversas. Esta actuación súmase ademais a outras obras de mellora levadas a cabo neste porto nos últimos meses como foi a instalación dun novo pantalán para embarcacións tradicionais e da confraría. O prazo previsto para a finalización dos traballos é de dúas semanas, polo que, segundo el, poderán estar rematadas para principios do vindeiro mes.