Carsa, un conflito laboral abocado á folga

VILAGARCÍA> Compás de espera en Carsa, pendentes de saber se a empresa reconsidera os 15 despedimentos anunciados. O comité de empresa propón a súa readmisión e que se inclúan no ERTE que prepara a empresa. Os traballadores ameazan con recorrer á folga se a postura da empresa non se move. Teñen prevista unha reunión este vindeiro xoves.

Despois de dez días, 15 despedimentos e o anuncio dun ERTE todo segue igual en Carsa. As posturas manténse estáticas. O comité de empresa pide a readmisión dos traballadores afectados para que, despois, se inclúen dentro de expediente temporal que prepara a compañía carroceira.

Pero, de entrada, a empresa non contempla esa opción. O Plan B do comité de empresa é que eses 15 traballadores despedidos pasen a formar parte dunha bolsa de emprego, no caso de non acabar sendo readmitidos.

A dirección e o comité de empresa manterán unha nova reunión o vindeiro xoves. De non haber avances, ameazan con mobilizacións.

As centrais sindicais poñen tamén o foco na necesidade de que a compañía de Bamio renove o seu plan de produción, cara a un modelo que prime a sostibilidade e as enerxías renovables, requisitos indispensables xa nos concursos das administracións para a renovación das frotas de autobuses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí