CAMBADOS> Tras uns días de calma, a polémica sobre o horario de peche das casetas da Festa do Albariño deste ano volve á actualidade. Cambados Pode levará ao vindeiro pleno unha moción defendendo a competencia exclusiva do goberno local para fixar estas normas, e acusando ao Consello Regulador de actitude radical e autoritaria. O enfado de José Ramón Abal é tal que a súa formación non desbota incluso organizar as casetas da Festa sen a intervención do Consello Regulador.
Cambados Pode non quere agardar á reunión do vindeiro día 30 de maio co Consello Regulador para negociar o horario de peche das casetas da Festa do Albariño deste ano. A formación levará a pleno unha moción defendendo a competencia exclusiva do goberno local.
Segundo José Ramón Abal os tempos apremian, e agardar á data fixada nun principio acurtaría os prazos para negociar un horario máis amplo que as 12 e media da noite, como pactara o pleno do Consello Regulador. Pode vería con bos ollos o peche entre as 3 e as 5 da mañá.
O voceiro de Pode non ocultou o seu enfado co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Abal acusou ao órgano de chantaxe e de ter unha actitude radical e autoritaria nas negociacións.
Por iso para José Ramón Abal será clave a decisión do pleno municipal. Mesmo non desbota que o concello se encargue de organizar tamén as casetas da Festa, sen contar co Consello Regulador.
O pleno está previsto para o vindeiro xoves 26 de abril. O goberno local propón o sábado como día para reunirse co Consello Regulador e as demais partes implicadas, para abordar a situación antes da sesión plenaria.