Ravella e ANPA de Carril demandan a Educación a reforma completa dos baños

VILAGARCÍA> Nais e pais do colexio de Carril e concello de Vilagarcía non queren que a Consellería de Educación se esqueza do centro. Aínda que o cambio das tubaxes xa está finalizado, advirten que as reformas non estarán rematadas ata que non se cambien os sanitarios dos baños. Esta mañá visitaron o centro educativo para comprar as obras realizadas.

A ANPA do colexio Rosalía de Castro de Carril e o concello de Vilagarcía visitaron esta mañá o centro para comprobar as reformas realizadas. A Consellería de Educación rematou xa o cambio das tubaxes, pero as nais e pais e o alcalde recordaron que o compromiso non estará cumprido ata que non se muden os baños.

A pesares de que os baños levan anos en mal estado, a actuación de Educación precipitouse despois de que os pais chamaran a atención sobre a insalubridade da auga. Situación que se confirmou tralas analíticas pertinentes. Agora están pendentes dos novos resultados

A Consellería pedira a colaboración de Ravella para levar adiante a actuación no colexio carrilexo. Hoxe, Alberto Varela insistiu en que teñen man tendida á Xunta, aínda que reiterou que a competencia é do goberno autonómico.

O rexedor non ocultou o seu descontento porque a Consellería de Educación non lles comunicara nin o inicio nin o final das obras de substitución das tubaxes. Un anuncio que tampouco se fixo chegar á ANPA do colexio.