A Deputación da Coruña agasalla ‘Libros para sermos libres’

RIANXO> A Deputación da Coruña celebrou o Día do libro cun reparto de exemplares en trinta concellos de toda a provincia. Rianxo foi un dos participantes nesta segunda edición do programa denominado ‘Libros para sermos libres’. Por segundo ano consecutivo a Deputación da Coruña celebrou un reparto de libros para conmemorar o 23 de abril. En total, trinta concellos sumáronse á iniciativa, entre eles o de Rianxo. Aqueles que se achegaron durante esta xornada á biblioteca municipal puideron levar consigo un exemplar da ampla e variada colección cedida pola Deputación para conmemorar esta efeméride. Baixo o título ‘Libros para sermos libres’ este programa pretende apoiar ó sector editorial en lingua galega ante os malos resultados que están a sumir o sector nunha profunda crise. A duración total do programa é de tres anos polo que o 23 de abril de 2019 outros trinta concellos repartirán libros entre os seus lectores.