O alcalde da Illa cre que a polémica pola reforma do Regueiro débese ‘a unha confusión’ dos veciños

A ILLA> Na Illa, a polémica xurdida pola futura reforma da praza do Regueiro, naceu -segundo o alcalde- por unha confusión. O rexedor explica que, polo de agora, só se vai actuar nun vial. Nos planos dese proxecto creouse unha simulación de praza baleira, di Iglesias, para que se vira por onde vai discorre-la vía. Di que antes de mete-las pás na praza quere escoitar ós veciños.

Polo de agora nin unha gran explanada, nin a tala de ningunha árbore. O proxecto de reforma da praza do Regueiro, na Illa, aínda non está pechado. De momento só se fixo público un plano para explica-la actuación inminente neste vial. O alcalde entende que a polémica que xurdiu entre os veciños polo futuro deste espazo nace dunha confusión.

O que acontece é que nese bosquexo a praza aparecía sen árbores, o que acendeu a alarma dos veciños. O alcalde defende que a futura reforma do Regueiro vai amplia-las zonas verdes, pero que  ese proxecto non se vai tocar ata que se rematen as obras do vial. Di que quere que sexa consensuado antes.

Iglesias comprométese a convocar reunións periódicas para recolle-las propostas dos veciños. Na propia praza, as demandas están claras: menos formigón e máis zonas verdes.

Ante a polémica xurdida polo futuro desta praza do regueiro, hai en marcha unha petición na web change.org. Nela reclámase ó goberno local que pense nunha adecuación do espazo como “campo da festa”, xunto con zonas arboradas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí