Para recoller ou a domicilio: os callos do San Amaro de Vilanova reinvéntanse fronte a covid

VILANOVA> Vilanova celebra hoxe un San Amaro distinto. A tradición mantense malia o coronavirus e a localidade arrencende hoxe a callos polos catro costados. Algúns establecementos hostaleiros mesmo se adaptaron á nova situación, facendo reparto de callos a domicilio ou ofrecendo a posibilidade de recollelos no local.

A 15 de xaneiro quen manda en Vilanova son eles. Os callos son unha tradición polo San Amaro, que nin a covid-19 puido cancelar.

Nas terrazas dos establecementos vilanoveses moitos veciños mantíñanse hoxe fieis á súa cita de toma-lo vermú na compaña dunha saborosa tapa de callos.

Sexa polo Santo ou pola data, os veciños presumen dos seus callos. Polo que nos contan, a receita é inmellorable. A cita deste ano, comentan os veciños, serve tamén para apoiar ós establecementos hostaleiros da localidade.

Precisamente, algúns establecementos adaptáronse á nova situación, con servizo de recollida no local ou mesmo reparto a domicilio. E a resposta non podía ser mellor.

A tradición di que despois de escoita-la misa de San Amaro hai que quenta-lo corpo cuns bos callos. Nin a pandemia puido con este ritual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí