Martín Códax incide nas ‘boas prácticas’ para seguir levando o sector a un modelo máis sostible

CAMBADOS> Martín Códax acolleu este xoves unha xornada formativa de boas prácticas. A iniciativa, destinada aos cooperativistas da adega, busca incidir en accións que fomenten unha convivencia harmoniosa entre os viticultores, a veciñanza e o medio ambiente. Nestes momentos, por exemplo, á hora de aplicar tratamentos fitosanitarios co obxectivo de diminuír ao máximo o seu impacto en parcelas próximas a vivendas ou a leitos de ríos.

Preto de 200 viticultores asociados a Martín Códax participaron este xoves nunha nova acción formativa impulsada pola adega para o fomento de boas prácticas. A xornada estivo liderada polos técnicos da propia cooperativa.

No encontro incidiuse no uso responsable de fitosanitarios, na procura dunha convivencia o máis harmónica posible entre o sector, a veciñanza e o medio ambiente.

Dende Martín Códax indican que nunca está de máis incidir en aspectos básicos que permitan levar o sector cara a un modelo máis sostible.

Entre esas boas prácticas, unha das elementais é ter en conta as condicións meteorolóxicas á hora de aplicar tratamentos.

A outra pata destas boas prácticas céntrase na regulación das máquinas a través de dúas ferramentas: cantidade de aire e boquillas.

Esta xornada encádrase dentro das actividades divulgativas organizadas por Martín Códax. A cooperativa, ademais, lanza cada semana un boletín informativo para os viticultores, que tamén poden trasladar as súas consultar aos técnicos de xeito presencial a través da Agrotenda.