A estrada de Perdecanai, en Barro, será transferida ao Concello trala súa reforma integral

BARRO> Despois de máis dunha década de intervencións parciais, a estrada de Perdecanai, en Barro, está sendo obxecto dunha mellora integral. O proxecto inclúe o saneamento da zona, así como a creación dunha senda peonil. En canto as obras estean rematadas, a estrada –de titularidade provincial- será transferida ó Concello.

Durante os últimos 12 anos, esta estrada que dá acceso á igrexa de Perdecanai, en Barro, foi obxecto de varias intervencións parciais. Agora, a vía está sendo remodelada por completo, grazas a un convenio entre o Concello e a Deputación da Coruña.  O proxecto inclúe a posta a punto do estrada, o saneamento da zona, a instalación de lombos para limita-la velocidade a 30 e a creación dunha senda peonil, por un lado da vía, de dous metros e medio.

O proxecto ten un orzamento duns 330.000 euros, dos que a Deputación vai asumi-lo 70%. Dende o ente provincial contrapoñen este tipo de actuacións globais fronte ás “trapalladas”, din, que obrigan a arranxar sobre arranxado. Segundo o acordo ó que chegaron o executivo local e a Deputación, a estrada, que a día de hoxe é de titularidade provincial, vai ser transferida ó Concello en canto rematen os traballos. Segundo os cálculos da Deputación, as obras deberían estar rematadas antes de que comece o verán.