O GROVE> O PP do Grove critica o proxecto do auditorio municipal que está a impulsa-lo goberno da localidade. Ós populares non lles gusta nin a súa localización, nin tampouco o investimento que se vai realizar. O proxecto supera os 5 millóns de euros. Segundo din, o executivo meco só está preocupado por cumpri-lo seu programa electoral, custe o que custe.
Os populares do Grove din non estar en contra da construción dun auditorio no municipio, pero rexeitan o proxecto que está a impulsa-lo executivo de José Antonio Cacabelos. Para empezar non lles gusta a súa localización, no Monte da Vila, ó carón do centro de saúde. Dende o PP cren que hai outros lugares máis axeitados. Engaden, ademais, que para corrixi-los erros na elección do lugar onde se vai construír, o goberno local lanzou a idea da construción dun gran ascensor ata o complexo cultural. O que non entenden os populares é que esa opción, que si aparecía nos primeiros planos, pero non nos definitivos. Tamén poñen en entre dito a suposta construción dunha vía de acceso ó auditorio.
Ante isto, os populares entenden que o executivo meco só está preocupado por cumpri-lo seu programa electoral, sen reparar en gastos ou futuras débedas.