O Concello da Illa advirte do perigo que supón para os condutores a presenza de fochancas na estrada de acceso ao municipio. A vía é de titularidde autonómica, pero a Xunta non actúa nese treito dende hai máis dunha década. O alcalde xa lle enviou unha petición ao goberno galego e avanza ademais que o grupo socialista levará o tema ao parlamento para que se destina unha partida para a reparación da calzada.
Quen entre ou saia da Illa ten que pasar por aquí si ou si. Trátase da estrada de titularidade autonómica PO307, que une o municipio co continente. O Concello advirte do seu mal estado no treito que vai dende a ponte ata a rotonda de acceso á vila e ao Carreirón. Denuncian a presenza de varias fochancas que supoñen un serio risco para os condutores.
O alcalde insta á Xunta a que actúe canto antes neste treito de apenas 300 metros, que foi asfaltado por última vez contra o ano 2009, aínda en tempos do bipartito na Xunta. O concello xa presentou un escrito na Axencia Galega de Infraestruturas. Ademais, o PSOE levará o tema ao Parlamento, a través dunha emenda aos orzamentos da Xunta para 2024.
Di o alcalde que a outra estrada de titularidade autonómica na Illa, a que vai ao Xufre, tamén precisa dalgunha que outra posta a punto.
E lamenta Arosa que as últimas actuacións na rede viaria autonómica na Illa se limitase nos últimos anos a repintar, nalgúns casos -engade- por riba das fochancas.












Comments are closed.