SANXENXO> A afluencia de turistas nesta ponte festiva do primeiro de maio supera as expectativas en Sanxenxo. O sector, polo de agora, dise satisfeito e o tempo non está sendo tan malo como agoiraban as previsións.
Con bo tempo ou sen el, Sanxenxo é sinónimo de vacacións. Algúns aproveitan para pisa-la area por primeira vez este ano e outros para dar unha volta pola beira do mar. Son moitos, máis dos agardados, e de procedencia variada.
A ponte do un de maio tocounos esta ano co ceo un pouco revolto. Entre chaparrón e chaparrón, as raiolas de sol pelexan por saír e con elas, moitos, que se achegan ata O Salnés para gozar destes días de lecer. A realidade superou as previsións e o número de visitantes é maior do que se agardaba. Na maleta de volta, han levar moitos bos momentos, pero tamén a lembranza dunha meteoroloxía que non acompañou tanto como gustaría.
Desta volta Sanxenxo sóubolle poñer boa cara ó mal tempo, tanto que a afluencia de turistas á localidade supera as malas previsións iniciais. Datos que poden verse mellorados tendo en conta as previsións meteorolóxicas de mañá. O anticiclón vai aportar máis estabilidade, deixando unha xornada festiva de tempo solleiro, aínda que con temperaturas frescas. No Salnés, de feito, non imos pasar mañá dos 15 graos.