Os rañeir@s da ría presentan o seu plan de xestión ó resto das confrarías

AROUSA> A Asociación Rañeir@s da Ría ultima os detalles do plan de explotación do libre marisqueo. A intención da entidade é remitir a súa proposta á Consellería ó longo da próxima semana. Finalmente ningún pósito máis se adheriu ós Rañeir@s da Ría para a presentación do plan de xestión conxunta do libre marisqueo. Serán as seis confrarías que inicialmente constituíron a entidade as que asinen este documento aínda que si llo están a presentar a biólogos doutros pósitos co fin de lograr unha maior unión da ría. Ademais da redución de topes e cambios nas datas de peche e apertura, propoñen diversas medidas de rexeneración como o dragado do río e o arado de boa parte dos bancos de libre. A asociación manexa un orzamento aproximado de cincocentos mil euros, tendo en conta non só os proxectos de rexeneración senón tamén vixilancia e asistencia técnica. A próxima semana remitirán o documento á Consellería quen deberá valorar a súa viabilidade.  Dependerá tamén de se o resto das confrarías da ría presentan alternativas de xestión tal e como tiñan adiantado Carril ou Ribeira. A necesidade de coller as rendas da xestión do libre vén ratificada polas cifras. Dende o inicio da campaña os mariscadores teñen comprobado a escasa produción nos tres principais bancos da Arousa.