O parque das Abesadas convértese en espazo libre de fume

RIBEIRA> Ribeira vén de incorporarse á rede de espazos sen fume da Asociación Española contra o Cancro. A través dun convenio subscrito entre esta entidade, a asociación Renacer e o concello, o parque das Abesadas a e súa contorna foi declarado espazo libre de fume e vapeadores.

A Asociación Renacer e a xunta local da Asociación Española contra o cancro de Ribeira comparten como obxectivo común a promoción de hábitos de vida saudable. Con este fin, veñen de asinar un convenio co concello para integrarse na rede de espazos sen fume que conta xa con preto de 80 localizacións en toda a provincia da Coruña.  

A instalación deste sinal identifica o parque das Abesadas como espazo libre de fume e vapeadores para evitar o consumo de substancias nocivas nun lugar moi frecuentado por nenos e mozos.

Máis aló deste acto simbólico, o convenio contempla a realización de actividades formativas e de sensibilización no marco da conmemoración do Día Mundial Sen Tabaco.