Volve o Rías Baixas Fest cunha programación renovada e adaptada á nova normalidade

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra presentou esta mañá a programación do Rías Baixas Fest. Con motivo da crise sanitaria, todos estes festivais tiveron que adaptar os seus carteis á nova normalidade. Este ano non haberá grandes concertos pero si pequenas actuacións.

A música seguirá soando este verán en toda a provincia grazas ao Rías Baixas Fest. Tras a crise do coronavirus, os festivais de música tiveron que adaptarse aos novos formatos da nova normalidade. Por iso, este ano non haberá grandes concertos nin aglomeracións pero si pequenas actuacións con capacidade reducida.

Atlantic Fest, SonRías Baixas, Vive Nigrán, Sinsal, Revenidas e Portamérica. Todos estes festivais aprazaron o seu cartel deste ano para o 2021 e este verán decidiron facer eventos máis pequenos. Por exemplo, o Atlantic Fest pasa a converterse en Atlantic en Butaca, cun formato reducido que se levará a cabo no Auditorio de Vilagarcía.

A pesar de que este ano non será o mesmo, a Deputación de Pontevedra quixo darlle a man a cultura galega e seguir financiando festivais coma estes. En total, a administración provincial destinará este ano 225.000 euros ao Rías Baixas Fest.

Nos vindeiros días, todos estes festivais irán anunciando a súa programación. Polo de agora descoñécense todos os grupos que pasarán pola nosa provincia este verán. O que si é seguro é que en todas as actuacións, a música manterá viva a nosa ilusión para gozar o ano que ven, máis ca nunca, da nosa cultura.