Sanxenxo repite como o concello con máis bandeiras azuis de España

SANXENXO> Como xa é costume, o anuncio das bandeiras azuis deixa boas novas nas comarcas de Arousa. Sanxenxo volve situarse como o concello de toda España que logra un maior número de distintivos para os seus areais. De feito, recupera incluso dous que perdera o ano pasado, e a bandeira azul volverá ondar en Areas e Caneliñas.

As Rías Baixas e en concreto O Salnés confírmanse como destino de calidade para este verán. O reparto das bandeiras azuis para as mellores praias volve deixar boas novas na zona, especialmente para Sanxenxo. Con trece, o concello repite como o municipio de España con maior número destes distintivos. Pero non só iso. Este ano recupera dúas bandeiras que perdera na pasada edición: a de Areas e a de Caneliñas. A Lanzada- O Espiñeiro, Canelas, Montalvo, Silgar ou Baltar, tamén poderán presumir de calidade. En canto aos sendeiros, a ADEAC volveu conceder o distintivo á rede de sendeiros azuis de Sanxenxo.

As boas novas tamén chegan ata Vilagarcía e A Illa. Alí, a bandeira azul repetirá nas praias de Preguntoiro e Campanario e Area da Secada e O Bao, respectivamente. O sendeiro perimetral Bao-Xastelas do concello insular tamén volverá contar con este distintivo.

No caso do Barbanza, o concello de Boiro é o único que verá ondar este recoñecemento nos seus areais. En concreto, son sete os que colgarán a bandeira azul, como Barraña, Carragueiros ou Piñeirón. En Muros, estará presente na praia de San Francisco.

En total, Galicia locerá 109 bandeiras azuis nas súas praias e outras 15 en portos deportivos, entre eles os de Sanxenxo, Portonovo e San Vicente do Mar, en O Grove. Deste xeito, sitúase como a segunda comunidade española con máis distintivos, só superada pola Comunidade Valenciana, que acada os 146.