Cambados bótase á rúa na defensa do sector mar-industria

CAMBADOS> Cambados bótase á rúa na defensa do sector mar-industria. Varios centos de persoas concentráronse ás portas do Concello para amosa-lo rexeitamento ao informe de Costas, que pon en dúbida o futuro de varias depuradoras do Porto de Tragove. Na protesta participaron representantes de tódolos grupos políticos que. Previamente, nun pleno extraordinario, aprobaron por unanimidade unha moción de apoio ao sector.

O polémico informe de Costas que pon en entredito o futuro de tres depuradoras de Tragove, unha vez remate a súa concesión, leva aos cambadeses á rúa. Uns 300 veciños concentráronse ás portas do Concello na defensa do sector. Critican a intromisión do goberno central neste asunto, lembrando que é a Xunta a que ten as competencias en materia de portos autonómicos.

Na concentración, trala pancarta, presentes os representantes de tódolos grupos políticos. Xusto antes, todos eles, aprobaron por unanimidade unha moción conxunta, e consensuada co sector e a Confraría, na que defenden a continuidade destas empresas en zona portuaria.

Foi o alcalde o encargado de le-lo texto íntegro da moción, dirixida ao Ministerio para a Transición Ecolóxica. No documento reclaman seguridade xurídica para esas empresas que, lembran, precisan desenvolve-la súa actividade preto do mar. Ademais, indican que se trata dun sector crucial para a vila e a comarca, cun fondo arraigo histórico. Polo que lle piden ao goberno central a que respecten a legalidade e o exercicio das competencia autonómicas por parte do goberno galego, transferidas á Xunta no ano 84.

O pleno tamén serviu para defende-la continuidade de servizos como a praza de abastos, o ambulatorio ou a estación de autobuses no seu emprazamento actual, algo que tamén pon en cuestión o informe de Costas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí