CALDAS> Esta noite, as lapas arrasaron unha nave industrial no Polígono de Caldas de Reis. Os servizos de emerxencia traballaron durante horas para extinguir o lume, que finalmente afectou a outras dúas naves. Aínda que os danos materiais son importantes, non hai que lamentar feridos nin danos ambientais.
Pasada a medianoite do martes era un particular quen alertaba ao 112 dun incendio nunha nave industrial no polígono de Caldas de Reis.
Os labores de extinción das lapas prologáronse durante toda a noite, pero finalmente o lume arrasou por completo a nave na que se orixinou, instalada en Saiar. Ademais, outras dúas naves industriais víronse afectadas. Aínda que os danos materiais son importantes, non hai que lamentar feridos nin danos ambientais.
Este último aspecto preocupaba pola proximidade do lume ao monte e ao río Umia. De feito, o Servizo de Gardacostas de Galicia optou por activar o Plan Camgal en fase de alerta, para evitar que as augas residuais da extinción afectaran ao río Umia.
A primeira hora desta mañá o lume estaba controlado, aínda que non se daba por extinguido. Só durante a noite empregáronse 80.000 litros de auga para intentar sufocar as lapas.
Dende o 112 púxose en marcha un amplo dispositivo, formado por Bombeiros do Salnés, O Morrazo, Baixo Miño, Pontevedra e o GALI, membros do GES e Protección Civil de Caldas, A Estrada e Padrón. Emerxencias incluso mobilizou a Garda Civil e Policía Local, e unha ambulancia do 061 desprazouse ata o lugar por se fora necesaria a súa intervención.