As mulleres de Vilagarcía sairán de novo á rúa para que se cumpra o pacto de estado contra a violencia machista

VILAGARCÍA>  O movemento feminista en Vilagarcía convoca unha manifestación para este mércores para reclamar que se cumpra o pacto de estado contra a violencia machista. Acusan ó goberno central de non estar comprometido coa causa. Segundo din, máis da metade da partida que comprometeron neste ano para erradica-la violencia contra as mulleres está aínda sen investir.

As mulleres de Vilagarcía volverán saír á rúa este mércores. Fano, segundo din, para que o goberno central as escoite e se cumpra o pacto de estado contra a violencia machista. Segundo denuncian, o executivo de Rajoy está a converter en papel mollado ese pacto, por exemplo, deixando sen investir boa parte das súas partidas.

A mobilización de Vilagarcía coincidirá este mércores con outras moitas convocadas por todo o territorio español. Esta nova xornada reivindicativa chega tralo éxito de recentes convocatorias, que botaron á rúa a milleiros e milleiros de mulleres. É o caso da folga do 8M ou as concentracións contra a sentenza da Manada, como esta de Vilagarcía que están a ver. Agora, colectivos como o Soño de Lilith agardan repetir este mércores ese apoio masivo.

A concentración partirá o vindeiro mércores, ás 8 do serán, dende a praza da Constitución de Vilagarcía.