RIANXO> A ANPA do CEIP ANA María Diéguez acordou continuar coas protestas posto que ó longo da próxima semana seguirán sen enviar ós nenos a clase. As familias que así o precisen contarán con servizo de monitorado así como Plan Madruga e Comedor para favorecer a conciliación.
A principios desta semana, a ANPA do CEIP Ana María Diéguez celebraba unha asemblea para decidir as medidas de presión a adoptar á espera de que a Consellería de Educación escoite as súas demandas.
A resposta das familias volveu ser rotunda posto que acordaron por unanimidade continuar sen levar os nenos a clase ó longo da vindeira semana. A ANPA seguirá a sufragar monitores para aquelas familias que precisen conciliar así como servizo de comedor mentres que o concello asumirá o Plan Madruga. Seguirán con esta folga ata que sexan recibidos por responsables da Consellería, petición que formalizaron este luns en San Caetano, co obxectivo de que as súas reclamacións sexan tomadas en consideración.
A máis urxente é a incorporación dun mestre para quinto de primaria. A unidade supera a ratio posto que a pesar de contar con 24 alumnos varios deles presentan necesidades de apoio polo que a media ponderada subiría ata 29. Así mesmo, reclaman a cobertura das prazas de especialistas para contar con PT e AL a tempo completo co fin de garantir unha educación pública, inclusiva e de calidade.











