O percebe de Aguiño comeza a mellorar a súa cotización de cara ó verán

RIBEIRA> Boas impresións na confraría de Aguiño. O percebe está a acadar prezos elevados para este mes de maio. O mesmo acontece con outras especies como a ameixa e a navalla. Tras varias semanas de mal tempo, as condicións climatolóxicas comezan a acompañar no mar. Isto traduciuse nunha maior calidade e cantidade de percebe na lonxa de Aguiño que compaxina a extracción deste recurso con navalla e ameixa. O prezo medio de tódalas especies está a manterse en valores altos. Deste xeito segue a boa racha iniciada coa campaña do ourizo que pechaba hai unhas semanas con valores históricos. De cara ó vindeiro mes, a confraría ten previsto abrir unha zona costeira máis ampla para traballar o percebe. Pretende así dar cobertura á alta demanda deste marisco durante os meses de verán, nos que os prezos tamén tenden a subir.