Tráfico denuncia a un camioneiro por exceso de horas e carga de máis

RIBEIRA> A Garda Civil de Tráfico intercepta en Ribeira a un camioneiro ó que denunciou por ata oito infraccións moi graves. Ó parecer conducía con exceso de horas e sen realizar os descansos regulamentarios. Ademais foi denunciado por superar a carga do vehículo o peso máximo permitido.

Un camioneiro coruñés que transportaba peixe de Ribeira a Coruña foi interceptado nun operativo de tráfico realizado na capital barbanzá, na AC-305, ó seu paso pola localidade. Foi denunciado por ata oito infraccións de carácter grave ou moi grave que supuxeron unha multa de cincocentos euros e a perda de seis puntos. Ó parecer, no mes anterior ó momento da realización do control, acumulaba un total de catorce infraccións en materia de tempos de condución, con xornadas de descanso inferiores ás catro horas e media. Os axentes tamén detectaron que o camioneiro circulou sen insertar a tarxeta no tacógrafo coa finalidade de non rexistrar a súa actividade diaria. Un feito tamén grave, sancionable con ata dous mil euros. Pero non foi só iso. Na pesaxe da carga do vehículo descubriuse un peso de 9.050 quilos, o que supón un exceso de carga en máis de tres mil quilos sobre o  peso máximo autorizado. Razón pola que o vehículo quedou inmobilizado e o seu condutor volveu a ser denunciado. Esta vez cunha multa que podería rondar os catro mil euros máis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí