A Illa vai convoca un pleno para abrir de novo o proceso de licitación das Casas Modernistas

A ILLA> A vindeira semana, a Illa vai convocar un pleno extraordinario urxente para abrir de novo o proceso de licitación para a rehabilitación das Casas Modernistas.  Patrimonio acaba de darlle o visto bo ó proxecto, despois de esixirlle ó goberno local unha serie de modificacións no deseño. O alcalde conta con ter adxudicadas as obras no mes de xullo.

A vindeira semana, a corporación da Illa vai celebrar un pleno extraordinario urxente para abrir de novo o proceso de licitación das obras de rehabilitación das Casas Modernistas. A intención do goberno local é recupera-lo tempo perdido e retomar canto antes o proxecto.

No pasado mes de marzo, o proceso de licitación das obras atopábase moi avanzado, pero Patrimonio freouno en seco, advertindo ó concello da necesidade dunha serie de modificacións para da-lo seu visto bo. Os cambios solicitados  baseábanse nalgúns dos materiais escollidos polo Concello para o arranxo das casas.

Unha vez corrixidas esas observacións, o documento conta xa coa autorización para levar a cabo as obras. Agora, hai que agardar a que se cumpran tódolos prazos. O concello conta con te-lo proxecto adxudicado, a máis tardar, dentro dun par de meses.

A rehabilitación das Casas Modernistas é un dos proxectos máis ambiciosos desta lexislatura para o goberno insular. A intención do Concello é convertelas en tres centros socioculturais e rematar, así, co estado de abandono no que se atopan.