SANXENXO> A praza de abastos temporal de Sanxenxo abrirá este venres. Nestes días previos estanse a ultima-los preparativos no novo local para acolle-los vendedores. Este traslado obrigou xa a pechar as antigas instalacións, na conta atrás para a súa reforma. A previsión é que o novo mercado estea rematado dentro de tres anos.
Este baixo da rúa progreso será dende este venres o novo emprezamento do mercado de Sanxenxo. Trátase dun establecemento que xa se destinara a alimentación, cun supermercado, e que agora os operarios van adaptar ás necesidades dos praceiros. Aquí vanse instalar 7 postos fixos e as 60 bancadas de venda de produto fresco. Serán unhas instalacións provisionais, polo menos, para os vindeiros tres anos, mentres se constrúe o novo mercado.
A adaptación deste local para convertelo en mercado supuxo un investimento de 50.000 euros. Ademais, o concello habilitou no aparcadoiro disuasorio próximo un espazo destinado en exclusica para os clientes da praza de abastos.
Telmo Martín salienta que este emprazamento alternativo mantén a actividade económica preto da súa localización habitual, tentando causa-la menor repercusión nos vendendores.
Unha vez culminado o traslado do mercado este venres, o seguinte paso será a demolición das vellas instalacións, que se prevé para marzo. A partir de aí, haberá que agardar polo menos tres anos para ver en funcionamento a nova praza, un edificio de 4 millóns de euros, con parking subterráneo e 6 andares: o baixo e o primeiro destinados ao mercado e os 4 restantes, para espazos comerciais, culturais e gastronómicos.