O concello da Pobra arranxará o emisario da EDAR para acabar cos vertidos no Areal

POBRA> O concello da Pobra acometerá o arranxo do emisario do Areal para acabar cos vertidos na zona das Xunqueiras. Ademais de reconectar as canalizacións, procederá ó soterramento da tubaxe na parte terrestre. O informe encargado polo concello ante os numerosos vertidos procedentes do emisario do Areal confirmou as sospeitas dos técnicos. O tubo está desconectado á altura do convento de San Antonio polo que os vertidos están a afectar ó banco marisqueiro dos Areos. Tras manter unha xuntanza cos responsables da empresa, da confraría e das administracións implicadas, o goberno acometerá o arranxo da infraestrutura. O primeiro paso será volver a conectar o emisario para ver se segue operativa tanto o resto da tubaxe como os difusores que alivian auga nos distintos treitos. No caso de que a canalización estivese afectada habería que acometer unha obra máis custosa. A intención do executivo é acometer as obras durante o mes de setembro, unha vez que os mariscadores extraian o marisco deste banco para evitar a súa contaminación.