Ribeira homenaxeará ás traballadoras da limpeza polo 8M

RIBEIRA> O concello de Ribeira homenaxeará ó colectivo de mulleres traballadoras da limpeza co gallo do 8M. Farao durante o acto institucional previsto para este sábado no que recibirán un agasallo en recoñecemento ó seu labor.

Como cada ano, o concello de Ribeira distingue a un colectivo profesional eminentemente feminino con motivo da celebración do Día da Muller. Esta vez serán as traballadoras da limpeza as que reciban unha máis ca merecida homenaxe polo seu labor.

Ademais do acto institucional, o programa para conmemorar o 8M inclúe outras propostas como unha conferencia sobre o silencio imposto ás mulleres na historia da arte ou sesións teatrais para escolares.

Procederase tamén a inaugurar a II Mostra de Mulleres Creadoras que se poderá visitar durante todo o mes no Centro Cultural Lustres Rivas.