O Xulgado de Ribeira autoriza a reconstrución do caso Diana Quer

RIBEIRA> A defensa do Chicle non se opuxo a tal solicitude, polo que ademais da reconstrución do que puido pasar ese día, farase tamén unha simulación virtual da traxectoria que realizou o asasino confeso da moza madrileña o día da súa desaparición. José Enrique Abuín Gey, o ‘Chicle’, terá que volver á nave de Asados, na que presuntamente ocultou o corpo de Diana Quer. O Xulgado de Instrucción Número 1 de Ribeira acordou abrir novas dilixencias, incluíndo a reconstrución dos feitos na causa sobre a morte da moza madrileña, así como unha simulación virtual da posible traxectoria que efectuou o asasino confeso de Diana o día da súa desaparición. Cabe lembrar que tanto a fiscalía como a propia acusación particular solicitaran en máis dunha ocasión a súa realización. O Xulgado xunto coa Garda Civil deberán acodar agora a data e a hora na que realizar a reconstrución dos feitos á que a defensa do Chicle tampouco se opuxo. O pasado 4 de maio o Chicle acudía ós Xulgados de Ribeira a petición do propio xuíz que leva o caso para informarlle de que sería xulgado por un xurado popular e concretar os delitos que se lle imputaban. Ese día José Enrique Abuín Gey decidiu prestar declaración por primeira vez, cambiando a versión dada inicialmente, admitindo ter estrangulado a moza madrileña aínda que o fixera de xeito involuntario. Ese día tamén exonerou á súa muller da implicación dos feitos.