O PSOE presenta ao Goberno Local unha proposta para a modificación da fiscalidade do Concello

Pontevedra> O PSOE pontevedrés presentará ó goberno local una proposta para a modificación da fiscalidade do Concello. O obxectivo que se persegue é que os impostos municipais sirvan, ademais de para recadar, para xerar solidariedade e exercer políticas redistributivas.

Os socialistas propoñen 21 bonificacións cun triple obxectivo. En primeiro lugar, o redistributivo. Entre as propostas de carácter social, estarían aumentar a bonificación no IBI para vivendas de protección oficial, ou para as casas do rural non conectadas ó saneamento. Propoñen tamén a exención na taxa do lixo para familias con ingresos que non superen o salario mínimo interprofesional e a exención na plusvalía das vivendas que sexan entregadas como dación en pago por non poder afrontar a hipoteca.

O segundo obxectivo sería de carácter medioambiental, a través de bonificacións polo aproveitamento da enerxía solar máis alá do obrigatorio ou para vehículos híbridos e eléctricos. Por último, destacou o obxectivo de que estas modificacións sirvan para a reactivación da economía, bonificando o IBI a aquelas empresas que se queiran implantar en Pontevedra, ou rebaixando o IAE no inicio de actividade ou por novas contratacións.

Estas propostas presentaranse na reunión que teñen pendente coa concellería de economía para tratar os orzamentos  2018 coa intención de que sexan tidas en conta o antes posible e puideran ser aplicadas, alomenos  en parte no exercicio 2019.