RIBEIRA> O próximo 2 de abril abre o prazo para inscribirse no obradoiro preparatorio para as probas de acceso ó conservatorio de Ribeira. Distribuirase en catro grupos cunha sesión semanal cada un na que se traballarán contidos como a psicomotricidade, o ritmo ou a aptitude auditiva e vocal.
Como tódolos anos, o conservatorio municipal ‘Enrique Paisal’ de Ribeira ofrece un curso de preparación para aqueles nenos de 8 a 14 anos que queiran iniciar ensinanzas oficiais de música.
O obradoiro distribuirase en catro grupos, cun máximo de 15 alumnos en cada un, que recibirán unha clase semanal de 45 minutos. Traballaranse contidos básicos para o acceso ó conservatorio como a aptitude rítmica, auditiva e vocal ou a psicomotricidade. Tamén terán ocasión de probar distintos instrumentos co fin de elixir especialidade.
Os interesados en matricularse poden facelo, totalmente de balde, a partir do 2 de abril na web municipal do concello. As prazas outorgaranse por orde de inscrición. O curso impartirase durante catro semanas no mes de abril e as probas de acceso terán lugar en maio.