A prevención dos contaxios por coronavirus apraza a moción censura en Catoira

CATOIRA> A situación de alerta sanitaria apraza tamén a moción de censura en Catoira.

Partido Popular e Partido Socialista presentaron esta mañá no rexistro un escrito no que solicitan o aprazamento da sesión, prevista para a xornada de mañá. Os voceiros de ambas formacións inciden na situación excepcional que vive o país e na necesidade de evitar o escenario que poida favorecer o contaxio do virus, xa que o pleno no que se debata a moción de censura contra o BNG prevése multitudinario. Iván Caamaño e Alberto García advirten que solicitarán unha nova convocatoria tan pronto se levante o estado de alarma.

Este pronunciamento de PP e PSOE coincide co que xa fixeran o sábado dende o BNG, o partido do goberno de Catoira. O executivo pediu indicacións á subdelegación do goberno e á vicepresidencia da Xunta sobre como actuar.

Agora, o acordo entre os tres partidos permitirá o aprazamento do debate da moción de censura.