BARBANZA> A Mancomunidade Barbanza Arousa avanza na prestación conxunta de servizos máis aló do ámbito turístico. A entidade vén de aprobar no último pleno unha modificación estatutaria que abre a porta a mancomunar servizos públicos como a recollida do lixo ou a xestión de animais abandonados.
No último pleno ordinario da Mancomunidade Barbanza Arousa materializábase unha modificación dos estatutos nos que os catro concellos que a integran veñen traballando dende o inicio da lexislatura. Pretenden deste xeito transcender o ámbito de actuación turística, para a que foi concibida inicialmente, apostando pola asunción de novas competencias e prestación conxunta de servizos básicos.
Nos últimos anos xa se iniciaron estas colaboracións con programas de emprego conxunto ou a xestión da recollida selectiva coa incorporación da quinta fracción.
O presidente entende que este é o camiño para garantir que a prestación de certas servizos sexa asumible, tal e como reflicten varios informes que avalan a xestión mancomunada.











