Unha charla sobre a ELA abre a Semana da Saúde de Muros

MUROS> A vila de Muros recibe estes días unha visita moi especial. Trátase da expedición de ‘Tras la ELA en Vela’, capitaneada por Iñaki Elorriaga. O obxectivo desta travesía marítima entre País Vasco e Galicia é recadar fondos para a investigación da Esclerose Lateral Amiotrófica e visibilizar esta doenza con máis de catro mil afectados en España. Hai sete anos Iñaki Elorriaga recibía como un mazazo o diagnóstico de ELA, unha enfermidade dexenerativa cunha esperanza de vida de entre tres e cinco ano. En lugar de resignarse, o seu optimismo e ganas de vivir levárono a emprender este proxecto que vén de recalar no porto de Muros. A bordo do veleiro Potokka e acompañado da mellor tripulación, Iñaki decidiu percorrer o Cantábrico recalando en numerosos portos co fin de dar a coñecer esta enfermidade e conseguir fondos para a súa investigación. Aínda que non está exenta de complicacións, esta travesía marítima é un reto, como o que día a día afronta Iñaki e miles de enfermos de ELA que, como di, viaxan con el compartindo este desafío. Iñaki e a súa tripulación compartiron a súa experiencia cos estudantes de Secundaria de Muros, que tiveron ocasión de  coñecer este exemplo de superación e fortaleza. Esta charla serviu como punto de partida para a semana da saúde que se desenvolverá no concello nas vindeiras xornadas. A programación inclúe tamén unha andaina saudable polo camiño inglés este venres, xornadas de portas abertas na piscina municipal o día cinco de xuño.