A familia Pillado cede o seu legado sobre Cabanillas ao concello

CAMBADOS> Cambados amplía os seus fondos sobre Ramón Cabanillas. O concello vén de recibir a doazón de material ligado ao escritor da familia Pillado Silvoso. A entrega é por tempo ilimitado, e formará parte do proxecto de musealización que o goberno local prepara para honrar este ilustre cambadés.

Cartas, fotografías e libros relacionados con Ramón Cabanillas xa forman parte do legado que o concello de Cambados ten sobre o escritor. A familia Pillado Silvoso fixo entrega de numeroso material que dá pistas da estreita relación de amizade que uniu ao Poeta da Raza co avó Antonio Pillado Otero.

A cesión do material orixinal é por tempo ilimitado. Ademais das misivas dirixidas a Antonio Pillado dende Cuba e Madrid, o legado está composto por once libros de Cabanillas dedicados, fotografías e tres cadros de Joaquín Sánches Peña, cuñado do escritor.

Os catro irmáns Pillado explicaron que creceron entre recordos de agarimo ao Poeta da Raza. Tras anos conservando este importante legado, decidiron cedelo ao concello para que garanta a súa conservación. Animados tamén polas numerosas achegas que realizou a propia familia de Cabanillas.

Para o concello cambadés, esta entrega é un paso adiante que pode favorecer a aparición de novo material relacionado co escritor que poida formar parte do legado doutras familias da vila.