PP e PSOE acordan crear unha comisión para estudar un cambio de estatutos na Mancomunidade do Salnés

CAMBADOS> Partido Popular e Partido Socialista dan un paso cara o entendemento na Mancomunidade do Salnés. No dobre pleno extraordinario celebrado onte as dúas formacións maioritarias votaron a favor de crear unha comisión para o estudo dunha modificación estatutaria. O obxectivo, explicaron, é devolver o consenso perdido ao ente comarcal.

Partido Popular e Partido Socialista acordan a creación dunha comisión para o estudo dunha modificación estatutaria da Mancomunidade do Salnés. As dúas forzas maioritarias votaron a favor desta proposta no pleno extraordinario celebrado onte.

Tamén Meaño Independente e Veciños de Meaño apoiaron esta medida, que naceu dunha emenda a un punto que levou o PSOE ao pleno. A proposta socialista era, inicialmente, modificar os estatutos propoñendo, entre outras cuestións, a presidencia rotatoria.

PP e PSOE desvelaron onte que David Castro e Marta Giráldez mantiveran un encontro discreto no que acordaron apostar pola vía do consenso na Mancomunidade.

A moción socialista foi aprobada pero non de xeito unánime. BNG e Esquerda Unida optaron pola abstención.

Onte ademais tomou posesión a nova representante de Meaño no pleno da Mancomunidade, a concelleira do Partido Popular Belén Mosteiro.