Rianxo solicitará financiamento estatal para a rehabilitación do Pazo do Martelo

RIANXO> A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou Rianxo para comprobar o resultado de varias actuacións levadas a cabo con cargo ás axudas concedidas a través da Área de Rehabilitación Integral.

Rianxo beneficiarase ademais dunha nova convocatoria destas axudas durante este ano 2022. Así rehabilitaranse un total de 6 novas vivendas, con axudas por riba dos cen mil euros, sumando as aportacións do Goberno Central, da Xunta e do propio Concello.

Dende o ano 2009 lévanse realizado en Rianxo máis de 165 intervencións de rehabilitación en vivendas situadas en diversas zonas do casco urbano, en Fincheira e tamén en Rianxiño, a través da Área de Rehabilitación integral, cun investimento total que supera os tres millóns de euros. O Concello beneficiarase este ano dunha nova convocatoria destas axudas que promove o Goberno Central en colaboración coa Xunta e os propios concellos.

O alcalde aproveitou tamén a visita da subdelegada para trasladarlle a intención do Concello de solicitar a inclusión da rehabilitación do Pazo do Martelo, onde se empraza a bibilioteca municipal, con cargo ó programa do 1,5% Cultural do Goberno do Estado.

Tamén abordaron outros asuntos como unha nova convocatoria da renovación do alumeado público a través do IDAE, que permita completar a primeira fase, co cambio de aproximadamente un 60% das luminarias de todo o municipio cun orzamento de preto dos 900 mil euros.