Medio Rural traballa na prevención da actividade incendiaria na Barbanza

RIBEIRA> A Conselleira, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá unha xuntanza de traballo  para analizar e tratar de previr a actividade incendiaria. A titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá en Ribeira a derradeira das reunións de estudo nas comarcas rexistradas no Pladiga coma zonas de alta actividade incendiaria. Con anterioridade xa se desenvolveron xuntanzas coma esta nas comarcas das catro provincias cun alto índice de incendios rexistrados. Segundo os datos deste estudo a comarca do Barbanza é unha das zonas da provincia da Coruña con máis incidencia da actividade incendiaria nos últimos anos, rexistrándose nos últimos dez anos un total de 358 incendios, que afectaron máis de 2.200 hectáreas. Segundo explicou a propia Conselleira, a finalidade destas reunións non é outra que mellorar os mecanismos e a coordinación en materia de prevención, extinción e investigación dos lumes forestais. Á xuntanza, que se celebrou no propio salón de plenos do consistorio ribeirense, asistiron varios alcaldes da comarca, como é o caso do de Boiro, Lousame e Porto do Son, representantes da Garda Civil e da Policía Autonómica e das propias comunidades de montes da zona, ademais de persoal da propia Consellería.