POIO> Continuamos en Poio. Os veciños esperan ansiosos o vindeiro 15 de xuño, o día da investidura. De momento todo apunta a que Luciano Sobral continuará no goberno outro mandato máis, despois de que Avante Poio pechase a porta a calquera tipo de acordo co Partido Popular. Ángel Moldes deu a súa opinión esta mañá sobre o posible tripartito entre o BNG, o PSOE e a agrupación liderada por Silvia Díaz.
Aínda que ten a lista máis votada, todo parece indicar que Ángel Moldes non será o vindeiro alcalde de Poio. A formación liderada por Silvia Díaz e que conseguiu un escano o pasado 26 de maio, descartou xa a posibilidade de chegar a un acordo co Partido Popular. Unha decisión nada acorde, segundo os populares, coa intención de Avante Poio de rexenerar a alcaldía.
Ángel Moldes recorda que aínda quedan 12 días para a investidura e está convencido de que todo pode pasar.
Aínda que Avante Poio xa pechou as portas ao posible pacto co Partido Popular, Ángel Moldes destaca as boas sensacións que tivo tras a reunión con Silvia Díaz.
Avante Poio segue remarcando que a rexeneración do goberno ten que darse dende a esquerda e, por iso, este xoves, a agrupación de Silvia Díaz manterá unha reunión co BNG e co Partido Socialista para tratar de chegar a un acordo que poña fin a todas as dúbidas en torno a quén ocupará este posto.