A lonxa de Cambados dixitalizarase a través dun programa da Xunta

CAMBADOS>  Cambados xa conta cunha lonxa 4.0. A rula de Tragove incorpórase a este programa da Xunta, que se traduce nunha aposta pola dixitalización dos puntos de primeira venda. Con este proxecto, unifícanse en todas as lonxas de Galicia o sistema de poxas recollendo a información dun xeito máis áxil, permitindo a poxa non presencial e facilitando que os mariñeiros poidan realizar as operacións de descarga e pesaxe máis rápido.

Este era o momento no que a rula de Cambados se transformaba nunha lonxa 4.0. A conselleira do Mar e o de Facenda asinaban o convenio de colaboración que se traducirá nunha modernización tecnolóxica destas instalacións, unha das últimas de Galicia en incorporarse a este proxecto.

Este proxecto botou a andar no 2018. A conselleira do Mar apuntaba dende Cambados que está a permitir un salto evolutivo nos establecementos de primeira venda de Galicia, unificando o sistema de poxas en todo o territorio, permitindo incluso a poxa en remoto e non presencial.

Implica tamén máis facilidades para as operacións dos mariñeiros na súa chegada a porto.

O próximo obxectivo do goberno galego é crear unha páxina na que se poidan ver en tempo real todos os produtos e prezos das distintas rulas, na que tamén se poidan incorporar imaxes.