A ILLA DE AROUSA> Antares é unha tartaruga mariña que se está a recuperar no IGAFA da Illa de Arousa. O réptil foi localizado en moi mal estado, na costa do Vicedo, en Lugo. A súa evolución e moi boa e, se todo segue así, nuns días podería ser devolta ó océano para que poida volver ó Caribe.
Chámase Antares, mide 71 centímetros e pesa 24 quilos. É o primeiro exemplar de tartaruga mariña que visita o Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa para recuperarse. Foi localizada en moi mal estado preto da illa Coelleira, no Vicedo.
No proceso de curación xogan un papel fundamental os profesionais do CEMMA, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños. De feito, a primeira fase da recuperación de Antares levouse a cabo nas instalacións deste organismo en Nigrán. O seu periplo non rematou aí: antes de chegar á Illa estivo en Valencia, nunhas instalacións que lle proporcionaron a esta especie caribeña unha temperatura ambiental máis axeitada que a galega. Ademais de mellora-lo seu estado, a tartaruga tamén aprendeu a prepararse para sobrevivir no océano.
Da súa evolución depende o tempo que tardará en ser devolta ó mar. Podería producirse, se todo vai ben, en cuestión de días. O que si está claro é que será liberada no exterior da ría de Arousa, para que as correntes mariñas a poidan devolver á súa casa no Caribe.