A Fundación Amigos de Galicia incrementa a entrega de alimentos polo peche dos comedores escolares

VILAGARCÍA> Aumenta a cantidade de alimentos entregados pola Fundación Amigos de Galicia ás familias con risco de exclusión social. A principal causa é o peche dos comedores escolares dos centros educativos.  A campaña de verán prioriza a alimentación dos nenos e nenas e a xente moza.

O peche dos comedores escolares deixa a moitos nenos e nenas e xente moza en risco de exclusión social. Ante isto, durante o verán, a Fundación Amigos de Galicia incrementa a súa campaña de entrega de alimentos.

No ano 2018 cubríronse as necesidades de máis de 14 mil menores. Ao priorizar a alimentación das nenas e nenos a leite é un produto moi importante.

Para facer fronte a esta campaña é necesario aumentar as recollidas. Por elo é moi importante a colaboración coas empresas para recoller alimentos especiais.

O aumento das entregas durante o verán cóbrese grazas a esta campaña extra de recollidas, sen ser necesario recorrer as reservas do resto do ano. A fundación segue o mesmo método para obter materiais escolares ou polo nadal. Pero iso si, para cubrir as necesidades básicas de preto de 40 mil persoas durante todo o ano, toda donación é indispensábel.