A Deputación de Pontevedra non estará no stand de Galicia de Fitur tras un ‘encontronazo’ coa Xunta

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra non vai estar no stand de Galicia en Fitur. Un ‘encontronazo’ entre a Xunta e o goberno provincial fará que a campaña de Turismo Rías Baixas se presente noutro espazo, aínda sen desvelar. O desencontro parte da esixencia do goberno galego de dispor de tódalas prazas da primeira fila do público para os seus representantes. Carmela Silva tacha de ‘intolerable’ esta esixencia. Sospeita que o goberno galego quere sentar alí a candidatos do PP nas vindeiras eleccións municipais.

O ano pasado xa tiveran os seus máis e os seus menos. Nesta ocasión, un encontronazo de última hora leva á Deputación de Pontevedra a ausentarse do stand de Galicia en Fitur. A culpa, di Carmela Silva, é da Xunta por querer apropiarse dos asentos da primeira fila do público.

Habitualmente a Deputación deixaba esas cadeiras para alcaldes e alcaldesas, engade Silva, de tódalas cores. Indica tamén que non lle importaría reservar algún espazo para a Xunta, pero de xeito proporcionado. Hoxe a Deputación recibiu a resposta da Xunta indicando que o stand é propiedade da administración galega e, polo tanto, son eles os que deciden quen vai sentar alí.

Así e todo, a Deputación de Pontevedra non renuncia a promociona-lo seu destino en Fitur. O goberno provincial vai face-la súa presentación ‘noutro espazo’ do que, polo de agora, non quixeron dar máis pistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí