Falece un exconcelleiro de Meis nun accidente de tráfico en Curro

BARRO> Un veciño de Meis de 79 anos faleceu este mediodía tras sufrir un aparatoso accidente no seu vehículo. Foi á altura de Curro, no concello de Barro, na unión entre a estrada PO-531, que conecta Pontevedra e Vilagarcía, e a entrada á autovía AG-41.

O coche que conducía saíuse da vía por causas que aínda se están a investigar. Colidiu contra un sinal da estrada e quedou envorcado na beiravía. Ao chegar os servizos de emerxencia comprobaron que o home, único ocupante do turismo, xa estaba falecido. O corpo tivo que ser liberado polos bombeiros de Pontevedra e efectivos do GES de Sanxenxo.

Ao longo da tarde transcendeu que o falecido é Ramón Abal, exconcelleiro da corporación municipal de Meis no mandato de 1999. Aínda que fora edil independente, este ano foi o número 11 da candidatura socialista da alcaldesa Marta Giráldez.