A Illa prepara un calendario de verán con festas semanais

A ILLA> A Illa afronta un verán intenso en festas. O concello presentou hoxe o seu calendario, con citas semanais  que enchen os meses de xullo e agosto. As propostas mesturan cultura, deporte, ocio e gastronomía, e nelas xogan un papel fundamental as asociacións e entidades deportivas do municipio.

Non haberá parada durante o verán na Illa de Arousa. Hoxe presentou o seu programa festeiro, que enche os meses de xullo e agosto de citas practicamente ineludibles.

Teñen especial peso as citas gastronómicas que repiten fórmula, organizadas por entidades deportivas para recadar fondos. Son cinco: a Festa da Navalla, do 25 ao 28 de xullo, a do mexillón do 2 ao 4 de agosto, a festa dos produtos do mar, do 9 ao 11 e do 15 ao 18, a da ameixa roxa, do 23 ao 25 e a do polbo, a fin de semana do 30 e 31 de agosto e 1 de setembro.

Na programación estas citas comparten protagonismo coas de carácter máis cultural e lúdico. É o caso do Carnavrán do 10 de agosto e de dúas propostas máis que consolidadas: O Mar nunha Flor, do 5 ao 10 de agosto e Cultura nos Cons, do 20 ao 22. Ademais, do 25 ao 31 será a Festa do Deporte, unha proposta para achegar as diferentes disciplinas aos veciños.

Outras citas marcadas en vermello nesta programación son as Festas do Carme entre o 17 e o 20 este mes e o Atlantic Fest, do 26 ao 28, que se ten convertido nun festival musical de referencia máis aló da nosa contorna.