A reforma da estrada de San Vicente, no Grove, limitará a velocidade a 30 quilometros por hora

O GROVE> As obras de mellora da estrada de San Vicente, no Grove, estarán rematadas no mes de outubro. Os traballos vanse paralizar nos meses de verán, para tentar causa-las mínimas molestias posibles ós usuarios dos areais da zona. A actuación contempla a creación de dúas plataformas de prioridade peonil na contorna dos principais núcleos pegados á vía e tamén unha nova praza ó pé da igrexa de San Vicente.

Tanto para o Concello como para a Deputación de Pontevedra esta é unha actuación fundamental para O Grove. A mellora desta estrada, dende San Vicente ata a Igrexa parroquial vai supoñer novos espazos para os peóns, a humanización deste espazo para converte-lo nunha praza e a creación de dúas plataformas de convivencia compartida entre vehículos e peóns, que se van situar naqueles puntos onde o número de vivendas é máis elevado. Para o alcalde, esta é unha boa solución que responde á filosofía do proxecto.

A mellora da seguridade vai implicar tamén a limitación de todo a treito a 30 quilómetros por hora. A velocidade deberá rebaixarse a 20 nas dúas plataformas de convivencia compartida. Esta mañá, o rexedor meco e o Deputado de Mobilidade do ente provincial supervisaron os traballos. Ambos coinciden en que este é un dos proxectos estrela desta lexislatura na localidade.

Despois de dous meses en marcha, a actuación quedará suspendida para tentar que o impacto sobre os usuarios dos areais desta zona sexa o mínimo posible. Os traballos retomaranse en setembro e, en principio, estará rematada a finais de outubro.