Cacabelos insiste en que a calidade e os servizos das praias mecas non dependen das bandeiras azuis

O GROVE> O Concello do Grove defende a súa decisión de rachar relacións co organismo que concede as bandeiras azuis. Este será o terceiro verán que na localidade non ondee ningunha destas insignias, algo que non gusta á meirande parte dos hostaleiros da vila, vinculados a Emgrobes. Segunda unha enquisa interna, elaborada polos propios empresarios, máis do 85% non ven con bos ollos esta estratexia municipal.

Neste verán tampouco veremos ningunha bandeira azul, como esta, ondeando nos areais do Grove. O Concello mantén a súa decisión de rachar relacións co organismo que as concede, tras un enfrontamento no 2016 pola bandeira da Lanzada, que pretendía que fose compartida con Sanxenxo.

Co verán xa aquí, a Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos, Emgrobes, lanzou unha enquisa para coñece-la opinión dos hostaleiros da localidade. Na sondaxe participaron 48 empresarios mecos. Deles, máis do 85% dos consultados asegura non ver con bos ollos a estratexia municipal. Unha decisión que o alcalde mantén e defende. Do que se trata, di o rexedor, é de saber xestiona-los recursos para ofrecerlle ós visitantes unhas praias de calidade.

Porque do que se trata, di Cacabelos, é de ofrecer ó visitante e ós veciños unhas praias con servizos. Con todo, os datos reflicten que ó Grove chegan cada vez máis visitantes. Nos dous últimos veráns, casualmente dende que non hai bandeiras, o número de turistas incrementouse, volvendo ós índices de hai máis dunha década. Os hostaleiros recoñecen que a presenza dos distintivos azuis nos areais non é sinónimo de máis visitantes, pero que supoñen un recoñecemento a nivel internacional. O alcalde bota man doutros distintivos para defende-la súa xestión.

O Grove prepárase para a temporada de verán. Na derradeira fin de semana de xuño abriranse de xeito oficial as praias, con tódolos servizos e tamén cos socorristas xa vixiantes nos areais.