Malestar veciñal en Sanxenxo pola xestión municipal das zonais azuis

SANXENXO> Malestar en Sanxenxo pola xestión das zonais azuis de estacionamento. A Plataforma Veciñal da localidade asegura que moitos residentes séntense indefensos ante a desinformación do sistema, sen parquímetros ou discos horarios para un control verídico. Piden a creación de zonas verdes, aparcadoiros públicos e tamén tarxetas para os residentes.

Aparcar en Sanxenxo pode ser unha auténtica odisea no verán e moito máis se atendemos ás zonas azuis que o Concello implantou en moitas das rúas da localidade. Así o aseguran, cando menos, dende a Plataforma Veciñal Sanxenxo. Dende o colectivo denuncian a indefensión de residentes e traballadores e o desconcerto dos veraneantes ante a falta de información do sistema de estacionamento regulado.

Falan de desinformación porque, aínda que as liñas indican que esta é unha zona azul, o que implica un  tempo de estacionamento limitado, non hai nin parquímetros nin discos horarios para o control verídico dos vehículos. Tamén poñen en entredito o método de vixilancia que emprega a Policía Local.

Ademais, piden que se habiliten aparcadoiros públicos, zonas verdes e tarxetas para os residentes, especialmente naquelas rúas do casco urbano onde haxa menos edificios con garaxes. Segundo indican dende o colectivo, o alcalde Telmo Martín xa é consciente desta situación, porque así llo trasladaron en varias ocasións. Agora, pídenlle que atenda as súas peticións e que tome medidas canto antes para que aparcar en Sanxenxo non sexa unha misión imposible.