Sanidade chama a chegar a acordos para poñer fin á folga de ambulancias

A ILLA> Boas palabras pero poucas solucións. Este podería ser o resumo do breve encontro que hoxe mantiveron representantes dos traballadores do servizo de ambulancias co conselleiro de Sanidade. O colectivo leva en folga semanas e aproveitou a visita de Jesús Vázquez ao Salnés para pedirlle que a Xunta interveña para mellorar as súas condicións laborais.

Con berros de “Conselleiro dimisión”, os traballadores do servizo de ambulancias recibiron ao responsable de Sanidade ás portas do centro de saúde da Illa.

A pesares da solicitude dos traballadores alí concentrados, Vázquez Almuíña optou por non atendelos nin á entrada nin á saída do ambulatorio. Si fixo referencia ao conflito no interior do edificio para insistir en que se trata dun problema a nivel laboral.

O conselleiro asegurou que o Sergas solicitou a Relacións Laborais que intermedie para rematar coa folga e chegar a acordos polo ben do servizo público.

Finalmente, Vázquez Almuíña recibiu os traballadores do servizo de ambulancias no Hospital do Salnés. Tralo breve encontro, os representantes do colectivo explicaban que, a pesares das boas palabras do conselleiro, non ían atopar unha solución a curto prazo ás súas reclamacións.

Por iso continuarán co calendario de folgas como estaba previsto. Tamén recordaron que os servizos mínimos son do 100%, polo que a asistencia aos doentes está garantida.