Sanxenxo conmemora o vinte aniversario do seu Centro de Día, no que reciben atención 80 maiores

SANXENXO>  Sanxenxo celebra o vinte aniversario do seu Centro de Día. Na xornada participaron moitos usuarios e os seus familiares. Tamén asistiu o alcalde e a conselleira de Política Social da Xunta. Fabiola García puxo este centro como exemplo dun servizo pensado para garantir o benestar das persoas maiores.

Vinte anos non se fan tódolos días e por iso o Concello de Sanxenxo festexou por todo o alto o aniversario do seu Centro de Día. O grupo de goberno encabezado polo alcalde e a Conselleira de Política Social visitaron as instalacións.  Alí, compartiron un anaco cos preto de 80 usuarios que se benefician destas instalacións. Aquí ofrécese atención, terapias e coidados durante oito horas ao día.

Despois tódolos usuarios, os familiares e autoridades participaron nun acto que arrancou coa proxección dun vídeo onde son os propios maiores os que relatan as súas vivencias neste centro de día.

O alcalde, pola súa banda, reafirmou esta mañá o compromiso do concello cos servizos socias. Visiblemente emocionado, salientou todo o conseguido en materia de benestar no municipio dende hai dúas décadas.

E lembrou que por este centro nos últimos 20 anos pasaron maiores de 350 familias.

A conselleira de Política Social felicitou ao Concello por contar cunhas instalacións como as deste centro de día e dar resposta ás necesidades dos maiores da vila e doutros puntos da comarca.

Na súa oferta,este centro de día inclúe distintos servizos destinados ás persoas usuarias como poden ser terapia ocupacional, educación social, fisioterapia, animación sociocultural, enfermería, comedor ou transporte.